Saturday 04 de May de 2024

Arrinca a campaña do CCA “que rule que rule!!!” sen acto público de presentación en solidariedade coa vítima de agresión machista da pasada madrugada


63 establecementos comerciais participan no xogo da xa famosa ruleta da sorte

O Centro Comercial Aberto (CCA) tiña previsto presentar hoxe na Casa do Concello unha nova edición da campaña que rule, que rule!!!, pero o acto público non se celebrou en solidariedade coa vítima da agresión machista que tivo lugar na madrugada deste luns no noso concello. Tanto o presidente do CCA, Germán Riveiro, coma o concelleiro de Promoción Económica, Xosé Regueira, e o alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, expresaron a súa repulsa á violencia de xénero e a todas as formas de violencia e quixeron amosar a súa solidariedade coa vítima e a súa familia, ademais do desexo dunha pronta recuperación.

Precisamente neste 30 de maio arrincou a campaña, xa coñecida, que organiza o CCA co apoio do Concello, a Deputación, a Xunta, a Fundación Luis Calvo e empresas locais de comercio e hostalaría. A iniciativa desenvolverase ata o 11 de xuño en 63 establecementos de sectores moi variados.

A clientela recibirá coas súas compras un boleto co que poderán obterse premios directos. Hai 775 agasallos en total, entre experiencias gastronómicas (ceas, xantares, almorzos, lotes de conservas, café, botellas de viño, chocolate…) cuncas e xeados. As persoas que non obteñan premio inmediato poderán participar no sorteo de 5 cheques por importe de 100 euros para consumir no comercio local.

A ruleta estará instalada na Praza do Concello o día 11 de xuño, último día da campaña, en horario de 11.00 a 14.00 e de 17.00 a 21.00.